Comunicado e convocatoria da Iª Asamblea de Socios da Unión Deportiva Ourense

19.07.2014 00:26

Nestes últimos días estivemos traballando intensamente.

A Unión Deportiva Ourense quedou rexistrada na Xunta, e inscrita na Federación Galega de Fútbol, na categoría de Terceira Rexional. Tamén se pagou o aval de 1500 euros para que poidan competir na campaña 2014-2015 un primeiro equipo e todas as categorías de base.

Como saberá a maioría, levouse a cabo unha reunión cos dirixentes do antigo Ponte Ourense, que desde este ano competirá como Ourense C.F. Na mesma propúxose unha integración da plataforma no seu proxecto, pero non se chegou a concretar, polo que seguiremos o noso camiño, intentando recoller o sentir do ourensanismo, e a lembranza de CD Ourense.

Mantivéronse outras reunións con representantes do mundo do fútbol e de distintos ámbitos das forzas vivas da cidade, e colleitamos unha serie de apoios que se farán públicos nos vindeiros días.

De cara á próxima semana temos unha axenda moi intensa. En primeiro lugar, procuraremos reunirnos coas institucións, Xunta, Deputación e Concello, para que se comprometan con este novo proxecto, que pretende ser representativo da cidade e da provincia de Ourense, partindo dende abaixo, para que permitan que a Unión Deportiva Ourense xogue os seus partidos no Estadio do Couto, así como empregar as instalacións de Salesianos para a nosa base.

O martes 22 ás 20:30h, no Centro Cultural da Deputación,  desenvolverase unha rolda de prensa na que se informará de todo o anterior.

O mércores  23 ás 20:00h, tamén no Centro Cultural da Deputación, terá lugar a Iª Asamblea de Socios da Unión Deportiva Ourense, na que se aprobarán os estatutos, as cotas de socios e aboados de cara á 2014-2015, e se escollerán as cores e o escudo do clube. O proceso será similar ao realizado para a elección do nome do clube, polo que se publicarán nas próximas horas as normas para todos aqueles que queiran participar e presentar os seus proxectos.

Recordamos que para participar na asamblea, os interesados deben enviar por correo o formulario que figura na páxina de inicio á dirección de correo soscdourense@hotmail.com, ou ben presentalo físicamente no momento de acceder ao lugar da xuntanza.

Contamos con todos vós!!!

FORZA UD OURENSE!!!